Monday 29 de April de 2024

O alcalde de Muxía anuncia no Pleno un investimento “histórico” de 2,5 millóns de euros para impulsar melloras no municipio


Entre as medidas destácanse a rehabilitación da antiga escola dos Muíños, as bolsas de axudas para sufragar material escolar, a mellora da contorna da Virxe da Barca e un dos proxectos estrella, a rehabilitación da estrada de Touriñán.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, anunciou esta mañá no Pleno un investimento que se achegará aos dous millóns e medio de euros, nun plan de intervencións divididos en tres bloques principais de accións.

En primeiro termo, dentro do Plan de Reactivación Económico – Social, un conxunto de obras cun investimento integramente municipal, que teñen que estar finalizadas nos vindeiros seis meses.

Destácanse a mellora nas estacións depuradoras, a construción de novos vestuarios e melloras nas infraestruturas no campo de fútbol, a compra dun camión grúa para optimizar a xestión do punto limpo, a rehabilitación da cuberta de servizos múltiples, a construción dun Centro Social no baixo do mercado, a rehabilitación da antiga escola dos Muíños ou a remodelación da planta baixa do edificio consistorial para a reubicación do CIM.

Estas, xunto a outras partidas destinadas a sinalización horizontal e vertical e coas axudas ás familias muxianas impulsando bolsas para subsanar os gastos que supón a adquisición de material escolar, suporán un total de 881.000 euros.

En segundo lugar, temos que engadir a este conxunto de intervencións o que xa está actualmente en proceso de execución, licitación ou adxudicación, como os camiños interiores de Fumiñeo, as melloras en Touriñán e Moreira, a depuradora de Trasufre e o camiño de Vilachán a Morquintián. Suporían en total un investimento de máis de 420.000 euros.

Para completar este extenso plan de obras do Concello de Muxía, hai que engadir os traballos dentro do POS que xa foron aprobados. O acondicionamento de camiños interiores en Talón e de viais en Quintáns, a construción dun parque biosaudable para maiores na zona do Coido, a pavimentación de camiños interiores en Frixe e Bardullas, un vehículo para Protección Civil e o proxecto de mellora da contorna do Santuario da Virxe da Barca. En total, está contemplada unha partida de 471.697 euros.

Inversión histórica

Ao que xa comentamos previamente, hai que sumar os 636.000 euros destinados a un investimento histórico para o municipio de Muxía. Falamos da estrada a Touriñán, que rondará os 636.000 euros.

En total, estamos a falar de 2.459.000 euros, nunha batería de traballos “histórica para o noso municipio. Destinaremos case dous millóns e medio de euros para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, para optimizar as conexións interparroquiais e, en definitiva, para darlle a Muxía un salto cualitativo sin parangón na Costa da Morte”, comentou o alcalde, Iago Toba.

O rexedor muxián aporta que “aínda non se cumpliu un ano desde que tomamos posesión, e este conxunto de medidas é froito do traballo de moitos meses, nos que levamos demostrando que non vimos a ocupar unha silla. Vimos a traballar por e para a veciñanza”, sentenciou Toba.